|
Historia
O concello de Sober, situado no sur da provincia de Lugo, ten como símbolos máis característicos o viño de Amandi, a cerámica de Gundivós e a banda de música, por esta última é popular o dito "Sober, terra de músicos".
A primeira banda de música con que contou este concello fundouse en 1869 por iniciativa de Casimiro Pérez "O Cha". Ó regresar da súa estadía en Pamplona como músico militar xuntou a membros de pequenos grupos musicais da zona, e formou un colectivo numeroso que significou a primeira banda de música de Sober. A Casimiro Pérez substituíuno un discípulo seu, Camilo Pérez "O Mantela", que continuou de director na que entón se coñecía como "A Música Vella". Outro desdendente de "O Cha", Andrés Rodríguez, creou en Sober unha banda de rapaces que se denominaba "A Música Nova". Ó mesmo tempo existía na parroquia de Santa Cruz de Brosmos unha terceira banda coñecida por "A Banda do Pomares".
As dúas bandas de Sober uníronse aló polo ano 1933 mentres que a de Santa Cruz continuou en solitario. A Guerra "incivil", a emigración y máis tarde a formación de orquestras de baile fixo que só sobrevivira a banda de Santa Cruz, que dirixía daquela Sergio Rodríguez.
No ano 1975, por iniciativa de Tadeo Guitián e José Ramón López "Cuñas", coa axuda de Heriberto Pérez y Dositeo Guitián entre outros, organízase en Sober unha Escola de Música, que dá os seus froitos en poucos meses cunha veintena de rapaces. Estes incorpóranse á banda que existía daquela e forman a actual "Banda de Música de Sober".
Dende esa data, tódolos anos pasan a engrosa-las filas da banda mozos valores procedentes da escola. Na actualidade a Escola de Música de Sober conta con 12 profesores e máis de 130 alumnos.
A Banda de Sober actuou en directo para personalidades como Alfonso XIII, Fidel Castro, Calvo Sotelo, diversos ministros, presidentes da Xunta de Galicia ...
A súa música sonou en casi tódolos concellos galegos, en Asturias, Valladolid, Zamora, León, Barcelona, Madrid e Portugal.
Actuou en multitude de ocasións en programas de TVE y TVG, Euskal Televista, TV3, etc. No ano 1984 gravou un LP con dez temas galegos e en 1992 "El Correo Gallego" dedicoulle unha casete na colección Fonoteca-92. No ano 1995 dous temas da Banda de Música de Sober figuraron nun CD titulado "As mellores Bandas Galegas". No ano 2001 acaba de ver a luz o último traballo discográfico desta agrupación, no que se interpretan 14 temas.
No ano 1919 ganou o primeiro
premio das festas de San Froilán en Lugo, en 1933 o segundo
nas festas de Corpus de ourense, en 1994 foille entregado o
premio de Lucense do ano, en 2002 o Premio Luar da TVG pola
sua traxectoria.
Esta agrupación da Terra de Lemos participa activamente en iniciativas de carácter social e cultural; así organizou un festival benéfico pro-Ruanda, deu un concerto para as Monxas Bernardas de clausura de Ferreira de Pantón, organiza bailes para a terceira idade ou, recentemente, recorreu coa súa música o aldarve da muralla de Lugo, apoiando a iniciativa de que o monumento lucense fose declarado Patrimonio da Humanidade.
Nos 130 anos de vida da Banda de Música de Sober estiveron á fronte, ademáis dos xa citados, grandes maestros como: Amancio Rodríguez, Antonio Taibo, Pedro Garcés, Pedro Rubio, Antonio P. Rey, Bernardo Cortés, Salvador Sánchez, Antonio R. Guitián e, xa nas últimas décadas, Alfonso González "Casete", Julio Dopacio, Nicanor Domínguez, Alfonso Campos e Jesús López Prado. Actualmente dirixe o colectivo Luis Fernández Guitián, un soberino iniciado na Escola de Música de Sober.
|
|